martes, 21 de abril de 2026

Reseña: Hamlet, de Shakespeare (Centro Dramático Galego)



Unha das formas máis honestas de respectar os clásicos é traelos ao presente, evitando quedar ancorados na época na que foron escritos. O teatro non é só literatura: é corpo e acción, un espello deformado das nosas vidas que nos obriga a recoñecernos nel para, coma o neno de Lacan, poder entender a nosa propia natureza.

Hamlet é unha peza fundacional na que Shakespeare condensa a contradición esencial do ser humano: o pensamento fronte á acción. Trátase dunha obra en capas que permite lecturas distintas sen alterar o texto, polo que a posta en escena convértese nun elemento decisivo. Máis que ilustrar, funciona como un filtro que determina que historia vemos. Nesa mesma lóxica inscríbese o vestiario, entendido non como un adorno, senón como unha ferramenta narrativa para situarnos nun lugar e nunha intención determinada.


A proposta de Tito Asorey aposta por unha lectura lúdica e contemporánea que dialoga coa viralidade e a construción dos discursos públicos. No escenario conviven un plano recoñecible e outro anacrónico, onde as xerarquías se transforman: os soldados convértense en mulleres limpadoras e os asesores remiten a unha estética parlamentaria. Todo desprende unha certa artificialidade, próxima á realidade filtrada que consumimos en internet. Esta atmosfera refórzase cunha escenografía minimalista que enfronta espazos espidos coa ostentación do dourado, reflectindo o choque entre o pobo e unha realeza afastada da realidade. Hamlet transita entre ambos mundos, pertencendo á nobreza por sangue pero á cidadanía por vínculo e amizade.

A montaxe aproveita o espazo con intelixencia, incorporando proxeccións de teléfonos móbiles e coreografías que ocupan todo o escenario. Esta concepción, tan ligada ao espazo concreto do teatro onde se estreou, abre un debate sobre a súa circulación. Unha produción do Centro Dramático Galego debería aspirar a chegar a toda Galicia, ben adaptando o formato —como fixo Chévere con N.E.V.E.R.M.O.R.E. para que a mensaxe primase sobre a espectacularidade— ou ben facilitando a mobilidade con autobuses e prezos populares de 5 euros, como é o caso actual.


O elenco sostén con solidez a proposta. Alejandro Jato constrúe un Hamlet que traballa dende a dualidade: a contención introspectiva fronte a un toque de tolemia e diversión que contaxia ao resto. No extremo oposto, a figura do rei morto permanece nun mundo de sombras e tristura, lembrándonos que a perda dun pai é unha dor universal que ningunha máscara pode tapar. Actores como Belén Constela, Machi Salgado, César Goldi, Toni Salgado, Raquel Espada, Iolanda Muíños, Anxo Outumuro ou Adrián Ríos dotan de verdade cada escena, convertendo un texto clásico nunha realidade viva que conmove.

O resultado é un artefacto emocionante que utiliza o pasado para interpelar o noso presente. O teatro ten que apelarnos cunha linguaxe que entendamos porque, ao amosarnos a nosa cara menos amable, é como mellor nos axuda a coñecernos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario